
O vindeiro mércores, 9 de setembro, comezarán as clases no CPI Camiño de Santiago. Coincidindo coa volta ás aulas, a Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) informa de que xa están abertos os prazos para facerse socio ou socia e para inscribir o alumnado no servizo de Madrugadores.
A presidenta da ANPA, Ángela Cajaraville, anima as familias a sumarse á asociación e a participar nas actividades que se desenvolverán ao longo do curso 2026-27. As familias asociadas poderán beneficiarse de diferentes descontos e vantaxes, entre elas a matrícula gratuíta no servizo de Madrugadores.
“Cada familia que se suma á ANPA axuda a fortalecer a comunidade educativa e a impulsar iniciativas que repercuten directamente no benestar e na educación dos nosos fillos e fillas”, destaca Ángela Cajaraville.
As persoas interesadas en facerse socias poden cubrir o formulario dispoñible na web da ANPA. A cota é de 20 euros anuais e o prazo para asociarse remata o 31 de outubro.
Servizo de Madrugadores
A empresa SIF Servicios xa abriu o prazo de inscrición no servizo de Madrugadores, que comezará a funcionar o mesmo día de inicio do curso escolar. O servizo prestarase desde as 7.30 horas ata o comezo das clases co obxectivo de facilitar a conciliación familiar.
Poderá asistir todo o alumnado de Educación Infantil e Primaria escolarizado no CPI Camiño de Santiago. A matrícula custa 25 euros por curso e será gratuíta para as familias asociadas á ANPA.
A ficha de inscrición para anotarse no servizo de Madrugadores pode descargarse na web da ANPA.
O regulamento do servizo de Madrugadores tamén está dispoñible para a súa consulta na web.
O servizo ofrece tres modalidades:
- Gardería durante o mes completo: 40 euros; medio mes: 20 euros.
- Gardería con almorzo durante o mes completo: 50 euros; medio mes: 25 euros.
- Días soltos: 4 euros por gardería e 5 euros por gardería con almorzo.
O segundo fillo ou filla inscrito contará cun desconto do 10 %.Para obter máis información, as familias poden contactar directamente con SIF Servicios no teléfono 677 555 748 e preguntar por Begoña.