
A Asociación de Nais e Pais do CPI Camiño de Santiago quere despedir este curso ao grande e por iso está a organizar unha festa moi especial para o alumnado. A cita é o venres 21 de xuño, de 15.30 a 19.30 horas, no pavillón de Reboredo (ao carón do colexio).
Será unha xornada de convivencia e diversión na que non faltarán os inchables, a música e os xogos, todo totalmente de balde. As familias só deberán encargarse de levar a merenda para as súas crianzas xa que se fará un parón a media tarde para que poidan repoñer enerxía.
Co fin de facilitar a asistencia de todo o alumnado (sobre todo do alumnado que vai en transporte), ofrécese a opción de que as familias que o precisen e o queiran envíen unha autorización ao centro para que a secretaria da ANPA e un monitor da actividade recollan ao alumnado no centro escolar. O traslado será as 15.30 horas directamente a través do recinto escolar ao pavillón de Reboredo (sen saír á vía pública).
As familias que precisen este servizo deben cubrir o modelo de autorización que poden descargar no documento adxunto e despois envialo ao centro. A data límite será o vindeiro mércores día 19. A autorización pódese enviar en papel polo propio alumno ou a través de correo electrónico na seguinte dirección: cpi.camino.santiago@edu.xunta.es.
Aquelas familias que entreguen esa autorización poderán achegarse directamente ao pavillón despois. Para facilitar a organización, dende a ANPA agradecemos que as familias interesadas en autorizar o traslado, cubran ademais este formulario.
Agradecementos
A Asociación de Nais e Pais do CPI Camiño de Santiago quere agradecer especialmente ás familias colaboradoras do comedor o seu traballo, indispensable para a organización do servizo. A ANPA valora moitísimo o seu labor e está convencida de que as crianzas do centro non poderían estar en mellores mans.
Despois de tres anos no cargo, a xunta directiva tamén agradece a todas as familias a colaboración prestada e pide desculpas polos erros que puidera ter cometido.
Os seus membros dan unha agarimosa benvida aos novos integrantes da xunta directiva que se escollerá na asemblea que terá lugar mañá xoves 13 de xuño, e deséxalles moita sorte e ánimo. A ANPA saínte reitera o seu apoio e axuda no futuro para continuar a formar un gran equipo xunto ao resto das familias do CPI Camiño de Santiago.