• A celebración, que se desenvolverá ao longo da mañá, terá atraccións, xogos e petiscos
  • A inscrición, obrigatoria, estará aberta ata o venres 17 de xuño

Coa idea de recuperar a normalidade logo de dous anos marcados pola pandemia da covid, a Anpa do CPI Camiño de Santiago convida a toda a comunidade educativa a participar o sábado 25 de xuño nunha gran festa de fin de curso que se desenvolverá nas instalacións do colexio e do pavillón polideportivo de Reboredo.

A celebración, que conta coa colaboración do Concello de O Pino a través dunha subvención nominativa, prolongarase dende as dez da mañá ata as tres da tarde e ofertará diversas atraccións para todo o alumnado, así como xogos e petiscos, para rematar cunha gran festa da escuma. Nenas e nenos poderán gozar cunha barredora humana, un búfalo mecánico infantil, un Spiderman, unha pista de obstáculos Mario ou un futbolín humano, ademais de divertirse con xogos tradicionais como a petanca, a chave ou xincanas. Xamón ao corte e diversos aperitivos axudarán a recobrar as enerxías.

Para participar na festa, é necesaria inscrición. Para facela só é preciso mandar un whatsapp ou unha mensaxe de texto ao teléfono 692 205 776, indicando o nome da persoa interesada e o número de asistentes. O prazo de inscrición remata o venres 17 de xuño.

A Anpa indica que o acceso á festa se fará polo portal do pavillón de Reboredo e recorda que convén levar bañador ou muda para gozar da festa da escuma.