A Xunta de Galicia ven de concederlle á Asociación de Nais e Pais do CPI Camiño de Santiago unha axuda de 3.750 euros para financiar programas e actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero entre a comunidade educativa do colexio público de O Pino, que se enmarcarán dentro da iniciativa ‘Xinkana pola igualdade’. Estas actividades, que promoven ANPAs galegas, van dirixidas tanto ao alumnado de centros educativos non universitarios coma ás familias e ao resto da comunidade educativa.
A ANPA Camiño de Santiago organizará a ‘Xinkana pola igualdade’ durante os meses de novembro e decembro para o alumnado de todas as idades e tamén unha charla informativa para país e nais, cun programa que inclúe diversas actividades.
O alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Infantil e de 1º e 2º de Primaria asistirá a unha sesión de contacontos en igualdade. Unha xincana pola igualdade é unha das propostas para o alumnado de 3º a 6º de Primaria. A integración dentro da aula, tamén de alumnos con discapacidade, será outro dos temas que tratarán os nenos e nenas de primeiro a cuarto de Primaria.
Haberá tamén unha sesión informativa e de prevención do bullying (acoso escolar) para nenos e nenas dende 5º de Primaria ata 2º da ESO. A perspectiva de xénero na linguaxe cinematográfica será outro dos temas que abordará o alumnado de Secundaria durante estas xornadas que promove a ANPA.
A sesión dedicada ás familias celebrarase o martes 17 de decembro na Casa da Cultura a partir das sete da tarde. Esta sesión xirará en torno á temática ‘Como decirlle non aos nosos fillos e fillas’.
Neste programa, que se enmarca dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que conta cun presuposto total de 380.000 euros, a Xunta considera imprescindible que as ANPAs galegas se impliquen para poder dotar así ás familias e ao alumnado de ferramentas que os axuden a promover relacións respectuosas, en igualdade e que colaboren en eliminar calquera forma de violencia de xénero.
Na comarca de Santiago a Secretaría Xeral de Igualdade aprobou a concesión de 15 axudas que contarán cunha achega total de máis de 51.000 euros para levar a cabo os programas propostos pola ANPA de O Pino e tamén por dúas Anpas de centros educativos de Santiago, e de centros de Brión, Padrón, Boimorto, Melide, Ames, Oroso, Negreira, Vedra e Teo.