A Asociación de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas do CPI Camiño de Santiago pon en marcha diferentes actividades coincidindo coas vacacións de Nadal.

O obxectivo é favorecer a conciliación das familias que teñen matriculados aos seus fillos e fillas no centro público de Arca ao tempo que se ofertan espazos de lecer e de convivencia para o alumnado.

Entre as propostas figura o Obradoiro de robótica educativa para a cativada de 7 a 12 anos a cargo de Aula Desafío en colaboración co Concello do Pino. Trátase dun taller no que se construirá e programará con Lego, entre outras figuras, un robot futbolista ou unha buxaina.

O Obradoiro desenvolverase na Aula TIC do concello dende o martes 26 ata o venres 29 de decembro de 17.00 a 18.30 horas.

O custo da actividade para os socios do ANPA é de 9 euros por día cunha oferta de 28 euros en caso de acudir as catro xornadas. Para os non socios o prezo vai dos 12 euros por día aos 40 polo obradoiro completo.

As prazas son limitadas, e as inscricións pódense facer premendo neste enlace ou a través do correo electrónico hola@auladesafio.com.

Obradoiro de Nadal para as tardes

A ANPA do CPI Camiño de Santiago, en colaboración coa Deputación da Coruña, oferta ademais os Obradoiros de Nadal para as tardes do 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro, e do 2 ao 5 de xaneiro en horario de 16.00 a 18.00 horas.

O prazo límite para a inscrición é este mércores 20 de decembro.

Ao longo do programa realizaranse diferentes actividades como xogos de distensión e cohesión grupal, predeportivos, dinámicas de intelixencia emocional e habilidades sociais, obradoiros manuais, ximkanas ou talleres de cociña pensados para o alumnado entre os 3 e os 12 anos escolarizado nas etapas de educación infantil e primaria. Recoméndase aos participantes que acudan con roupa e calzado cómodo e que poidan mancharse.

Estes obradoiros están organizados pola Federación de Anpas ‘Compostela’ cun custo de 40 euros polo programa completo e de 8 euros por cada día solto.

As inscrición deberán enviarse a info@avanzaserviciosescolares.es co formulario de inscrición que atopas neste enlace.

Para máis información pódese chamar ao teléfono 691 47 50 60.

Xuntanza de Escolas Obradoiristas

Tamén este venres 22 de decembro, entre as 10.00 e as 13.30 horas, o pavillón do CIP Camiño de Santiago acolle a Xuntanza de Escolas Obradoiristas da Fundación Obradoiro en colaboración co Concello.

Os equipos das dúas categorías baby e mini e premini do centro competirán xunto aos conxuntos de Ordes, López Ferreiro, Roxos e Obradoiro CAB.