A Asociación de Nais e Pais do CPI Camiño de Santiago organiza os vindeiro luns e martes un ciclo de charlas entre todo o alumnado do colexio para promover as relacións afectivas saudables e previr a violencia de xénero. Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa promovida pola ANPA con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra o vindeiro 25 de novembro, e conta cunha axuda da Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade de da Xunta de Galicia.

A profesora do departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC,  Milena Villar Varela será unha das relatoras destas xornadas, que se desenvolverán o vindeiro luns e martes no CPI Camiño de Santiago, nas que participará o alumnado de infantil, de primaria e da ESO. Doctora pola USC coa tese A coeducación como chave para un desenvolvemento integral non sexista: un programa de formación para o profesorado, Milena Villar é autora do libro Coeducar na escola do século XXI.

Nas xornadas, promovida pola ANPA en colaboración co CPI Camiño de Santiago tamén participarán Olaia González, doctora en Ciencias da Educación pola USC e que traballou como psicóloga do Programa en Familia da Consellería de Educación; e Nerea Rodríguez Rivadulla, educadora social, especialista en resolución de conflitos e xestión emocional, e na sensibilización en temas de igualdade e fronte a violencia de xénero.

O obxectivo é sensibilizar ao alumnado contra a violencia de xénero e mellorar a convivencia no centro.

Posteriormente, dende a ANPA promoveranse dúas reunións cos pais e nais para trasladarlles as conclusión destas charlas e analizar posibles medidas a desenvolver para acadar os obxectivos formulados.