A ANPA do CPI Camiño de Santiago apoia a extensa carta aberta remitida pola Confederación de ANPAS Galegas á Consellería de Educación na que pon de manifesto a diversidade e irregularidade da carga de traballo que os mestres lle están enviando ao alumnado nestes días de confinamento polo decreto de estado de alarma motivado pola crise do coronavirus COVID-19 (ver íntegra a carta neste enlace).
A Confederación pídelle á Consellería de Educación que estableza instrucións claras ao respecto da carga de tarefas que o profesorado lle pode enviar ao alumnado, de novos contidos, da obrigatoriedade de facer estas tarefas e sobre o apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais, que é inexistente na maioría dos casos.
Os problemas que teñen moitas familias, sobre todo no rural, como é o Concello de O Pino, para acceder as novas tecnoloxías e poder conectarse a plataforma da Xunta, fan, se cabe, máis necesarias unhas instrucións claras por parte da Consellería para que todo o alumnado teñas as mesmas oportunidades.
A realización da segunda avaliación ou a realización de exames en liña e a necesidade de elaborar un protocolo de regreso á normalidade son outros dos puntos que menciona a Confederación de ANPAS Galega na súa carta á Consellería de Educación, que pide que o curso 2020-2021 sexa un curso ponte entre os dous trimestres do 2019-2020 e a normalidade do vindeiro curso.Podes ler íntegra a carta da Confederación de ANPAS Galegas neste enlace.