Ballet
A danza é unha forma ancestral de comunicación que nos permite contar historias, transmitir emocións e expresar sentimentos cos movementos do noso corpo.
Ademais da faceta artística, o ballet ten múltiples e positivos beneficios, tanto físicos coma psíquicos: relaxa e libera adrenalina, mellora os reflexos, axuda a xerar elasticidade e estimula a circulación sanguínea e do sistema respiratorio.
Robótica
Actividade practica que axuda a desenvolver habilidades e competencias de xeito lúdico, ensinando a razoar a cada alumn@ para poder construír e controlar o seu propio robot.
A robótica é un sistema de ensino interdisciplinar que fomenta a creatividade e traballa áreas de ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas; o que en inglés se coñece polas siglas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).
Artes plásticas
Obradoiro de didáctica artística dirixido a nenos e nenas de Primaria, que fomenta a súa liberdade creativa. Parte da ilustración como base de expresión e ten a forma dun taller experimental.
A técnica principal é a acuarela, se ben tamén se experimenta con materiais como as pompas de xabón ou o sal. O programa vai desde a creación de personaxes e escenarios ata a composición, pasando pola conceptualización e narración a través da imaxe.
Técnicas de estudo
Actividade impartida por Academia Prisma que achega ao alumnado de Primaria técnicas que favorecerán a mellora dos seus resultados académicos e os dotarán de recursos para superar as dificultades da súa andaina académica.
Os obxectivos sintetízanse en aprender a realizar un subliñado axeitado, a elaborar resumos e facer esquemas, a facilitar o proceso memorístico de contidos por medio de sinxelas regras mnemotécnicas e, todo isto, de xeito lúdico e atractivo.
Inglés B1 e de apoio
As clases para obter a titulación oficial Cambridge English: B1 Preliminary para o alumnado de ESO vanse impartir este curso en tres grupos dous días a semana. Raquel Quinteiro Furelos, profesora nativa con máis de vinte anos de experiencia, atenderá aos grupos de 2ª da ESO, os xoves, e os de 3 e 4º da ESO, os venres. As clases do grupo de 1º da ESO impartiraas o xoves Maribel Gómez Montes, da academa compostelá Chelsea Centro de Estudios, unha profesora nativa con máis de 20 anos de experiencia.
Do inglés de apoio para o alumnado de Primaria encargarase Raquel Quinteiro os luns e mércores.
Esta actividade comezou a impartirse no centro en 2015, seguindo as directrices do Consello de Europa para a regulación dos diversos niveis de coñecemento dunha lingua. Desde entón, os resultados son do máis satisfactorio, cun 100% de aprobados. Ante a gran demanda, a ANPA decidiu este ano facer tres grupos na ESO, en co alumnado de 1º, outro co de 2º e o terceiro co alumnado de 3º e 4º da ESO.
Obradoiro de cociña
Os obxectivos principais desta actividade son fomentar hábitos de alimentación saudables e potenciar a creatividade dos participantes. Todo isto ao tempo que se fomenta a igualdade de xénero e a socialización do alumnado.
Non só se trata de coñecer nocións básicas sobre os alimentos e elaborar ricas receitas, senón tamén de como decorar unha mesa en festas especiais ou aprender que hábitos debemos seguir na mesa.
Karate
A metodoloxía desta actividade fundaméntase no desenvolvemento da técnica do karate mediante xogos. A preparación física vai dirixida a mellorar a destreza, axilidade, velocidade, resistencia, forza e psicomotricidade do alumnado.
Esta disciplina das artes marciais promove na infancia valores como a amizade, a educación, o respecto e a constancia por riba da forza bruta e das malas formas.
Piscina
A ANPA do CPI Camiño de Santiago chegou a un a cordo de colaboración coa piscina cuberta de Arzúa para impartir cursos de natación para o alumnado de Primaria.
Cada neno que acuda á piscina deberá pagar 10,00 euros mensuais, segundo o acordo alcanzado. Este é o segundo ano que se ofrece esta actividade.
Teatro
As artes escénicas axudan ao alumnado a actuar e a falar en público, aumenta a súa autoestima e axúdalle a facer amigos e a divertirse. Ao actuar en grupo favorece que melloren a concentración, ensínalles a traballar en grupo e a coñecer e controlar as súas emocións. A todo isto hai que engadir que o teatro reforzar as actividades académicas do alumnado, como a lectura e a literatura, e axúdalles a mellorar a súa expresión, tanto corporal como oral. Helena Hernández, unha profesional con dilatada experiencia, será a encargada de impartir esta actividade.
Informática
O alumnado adquirirá as competencias necesarias para un correcto e fluído uso do ordenador. Aprenderá a navegar por internet de xeito seguro, empregar o procesador de textos para facer traballos, crear presentacións de diapositivas e manexarse de forma fluída polos principais sistemas operativos (Windows e Debian), todo isto combinado cunha aprendizaxe da postura e fluidez necesaria no uso do teclado para coller rapidez e soltura. Aprenderá os múltiples usos que lle pode dar ó equipo para desenvolver tarefas de clase.
Zumba
O zumba é un tipo de deporte que combina o fitness coa música, o cal axuda ademais a manter o corpo en forma e a obter máis flexibilidade bailando ao ritmo das cancións marchosas. Polo tanto, tamén pode ser algo que pode axudar ao alumnado a acostumarse a moverse ao ritmo da música e levar unha vida sa, onde o exercicio e a danza son un todo, e poidan saber ate que punto o seu corpo é capaz de manterse forte e fermoso. O baile é un xerador de felicidade para os que o practican e axuda a que, se os asistentes establezan esta rutina, familiarízanse coa música e vena como algo divertido e ao mesmo tempo relaxante. Ademais, tamén axuda a aclarar a mente e acadar un maior desenvolvemento intelectual.