A ANPA do CPI Camiño de Santiago renovará cinco postos da súa xunta directiva na asemblea xeral ordinaria convocada para o próximo mércores, 17 de novembro. A xuntanza levarase a cabo ás 20.15 h en primeira convocatoria (20.45 h en segunda) no centro sociocultural Luis Seoane do Pino.

A elección de integrantes da nova xunta directiva farase polo procedemento de listas abertas, polo que poderán presentarse todas as persoas asociadas que, a día 31 de outubro, estean ao corrente do pago da cota do presente curso escolar. Para formar parte das candidaturas é preciso enviar un correo electrónico ao mail contacto@anpacaminosantiago.es ou presentar a solicitude presencialmente no CPI Camiño de Santiago. Hai que facelo a través do modelo oficial que se pode descargar no arquivo adxunto, acompañándoo de nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto. O prazo de presentación remata o venres 12 ás 14.00 h. Ese mesmo día enviarase por email o listado de candidaturas a todas as persoas asociadas.

Na Asemblea, cada familia disporá dun único voto, a un máximo de cinco persoas candidatas. Entregaranse papeletas co nome das persoas aspirantes para proceder á votación en urna. Os socios e socias da ANPA poden delegar o seu voto noutro membro da Asemblea. Para isto, deberán cubrir o modelo oficial que se adxunta, cos seus datos persoais, e indicando en que outro socio/a delega o seu voto. O socio deberá acompañar a súa delegación dunha copia do DNI  para que sexa admitida na Asemblea.

ORDE DO DÍA

1.- Lectura e aprobación da acta da asemblea anterior

2.- Renovación de cargos da Xunta Directiva

3.- Rogos e preguntas

CORRECCIÓN DE ERROS

No arquivo adxunto de Presentación de candidatura o correo electrónico facilitado era erróneo. O enderezo correcto para presentar as candidaturas é contacto@anpacaminosantiago.es. Lamentamos as molestias.