Xa está activo o servizo de Madrugadores no CPI Camiño de Santiago, posto en marcha pola ANPA para favorecer a conciliación das familias que teñen matriculados aos seus fillos e fillas no centro público de Arca. Así mesmo, o prazo para anotarse nas actividades extraescolares estará aberto ata o 20 de setembro.

Co inicio do curso escolar, Madrugadores atende aos nenos e nenas nun horario que vai das 7:45 horas ata o inicio das clases, ás 9:30 h. As familias poden beneficiarse tamén dun servizo de almorzo, que estará operativo a partir do luns 16 de setembro. Este consiste, de forma básica e diaria, en leite con cacao e galletas, cereais ou torradas con marmelada, incorporando tamén froita de temporada.

Madrugadores está atendido por profesionais de SIF Servizos, que programan e desenvolven actividades de ocio e lecer acordes coa idade dos nenos e nenas participantes.

Para poder beneficiarse deste servizo, as familias deben ser socias da ANPA Camiño de Santiago e teren matriculados aos seus fillos e fillas no colexio.

A tarifa base de Madrugadores é de 30 €/mes; ou de 40 €/mes no caso de incluírse o almorzo. Existe tamén a posibilidade de utilizar este servizo en días soltos, en cuxo caso o prezo vai dos 3 €/día con garda aos 4€/día con garda e almorzo.

O regulamento do servizo de Madrugadores pódese consultar neste enlace.

Actividades extraescolares

A ANPA do CPI Camiño de Santiago abre tamén o prazo de inscrición para as actividades extraescolares para o presente curso escolar. As familias interesadas podenconsultar os horarios na sección de impresos desta web, na que tamén poderán cubrir os formularios de inscrición. Unha vez cubertos, os impresos deben deixarse na secretaría do colexio ou seren enviados por correo electrónico ao mail de contacto da ANPA (preme aquí). As familias que sexan socias da ANPA beneficiaranse dun desconto no prezo das actividades. O prazo para anotarse nas actividades remata o vindeiro venres, 20 de setembro.