A ANPA do CPI Camiño de Santiago sumouse este ano ao acto de clausura das escolas deportivas municipais, organizando tamén unha exhibición das actividades extraescolares que organizou a Asociación durante o presente curso escolar.

Nenos e nenas que acoden ás clases de ballet, zumba, informática e robótica (que desenvolve a academia Prisma), o que acode as clases de artes plásticas de Rodrigo Chao, ou o que está aprendendo kárate cos monitores da empresa ALG puideron amosar tamén todo o que aprenderon.

A clausura desenvolveuse o pasado sábado no polideportivo de Reboredo, no que se deron cita numerosos familiares e amigos para animar aos 250 nenos e nenas que este ano participaron nas escolas deportivas municipais e actividades culturais e extraescolares que organizaron o Concello de O Pino e a ANPA.

Patinaxe, baloncesto, bádminton, baile moderno, fútbol sala, robótica, informática, zumba e kárate foron algunhas das exhibicións coas que nenos e adolescentes fixeron as ledicias dos maiores que os animaban dende as bancadas. Todos eles puideron ver tamén os debuxos das clases de artes plásticas que estaban expostos no pavillón.

O alumnado de informática presentou a revista que elaboraron este curso (que se pode descargar neste enlace), e os de robótica fixeron gozar aos asistentes tocando un piano que en vez de teclas tiña plátanos, ou cunha carreira entre os robots que fixeron os propios alumnos e alumnas.

Dende as dez e ata preto das dúas da tarde sucedéronse as exhibicións nas diferentes disciplinas que se impartiron nas escolas deportivas municipais (na que están inscritos 250 nenos e nenas) e as actividades extraescolares da ANPA.

Ao rematar, todos os nenos e nenas asistentes levaron como recordo unha medalla e unha mochila coa que os agasallou o Concello de O Pino.

Podes ver o álbum de fotos no Facebook do Concello de O Pino (preme aquí)