A Asociación de Nais e Pais do CPI Camiño de Santiago vén de renovar integramente a xunta directiva na última asemblea xeral de socios, na que Lorena Salvado Carril asumiu a presidencia da ANPA, substituíndo no cargo a Miguel Ángel Gómez Bascoy. Despois do traspaso de poderes realizado no CPI, Lorena Salvado e Mónica Barcia, acompañadas polo ex presidente, presentaron o novo equipo no Concello de O Pino, nunha reunión na que o alcalde se comprometeu a seguir colaborando coa ANPA.

Lorena Salvado encabeza unha xunta directiva integrada por sete mulleres, e da que tamén forman parte María José Lourés Rivas, como secretaria; Ana María Pampín Rey, como tesoureira, e as vogais Mónica Barcia Montero, María Dolores Couces Bellas, María del Mar Acién Bonachera e Sara Suárez Fernández.

Na asemblea da ANPA celebrada o pasado 27 de xuño foi elixida a xunta directiva que preside Lorena Salvado, para substituír ao equipo que ata ese momento presidía Miguel Ángel Gómez Bascoy. Nas semanas seguintes tivo lugar o traspaso de poderes e de información entre ambos equipos nunha reunión no CPI para garantir o bo funcionamento da ANPA para o vindeiro curso. A nova directiva comprometeuse a seguir traballando polo benestar do alumnado e a mellora do centro, dentro das súas competencias.

Recentemente, Lorena Salvado e Mónica Barcia, acompañados polo ex presidente da ANPA, mantiveron unha reunión no Concello de O Pino para presentar ao nova directiva da asociación. Na reunión estivo presente o alcalde, Manuel Taboada; a concelleira de Educación e Cultura, Eva Varela, e o de emprego, José Fuentes.

Nesta reunión, Lorena Salvado e Mónica Barcia trasladáronlle ao alcalde algúns dos proxectos que queren poñer en marcha dende a ANPA para o vindeiro curso. O alcalde comprometeuse a seguir colaborando coa Asociación de Nais e Pais en todas aquelas iniciativas que axuden a facilitar a integración do alumnado no sistema educativo, a mellorar a súa educación e a fomentar a conciliación familiar.

O ex presidente, Miguel Ángel Gómez Bascoy, quere agradecerlles a todas as familias o apoio mostrado durante o seu mandato e despídese con moito agarimo, desexándolle o mellor a nova directiva da ANPA.