Filloas para pequenos e maiores, inchables, música, manualidades, chocolate con churros, xogos… Con todo isto, e moito máis, puideron gozar o pasado sábado as máis de 200 persoas que participaron na Festa de Disfraces de Entroido que organizou a ANPA do CPI Camiño de Santiago no polideportivo de Reboredo. No vídeo que encabeza este post podes ver un pequeno resumo da festa.
Dende as cinco da tarde pequenos e maiores bailaron ao ritmo que marcaba o DJ da discoteca infantil, subiron e baixaron polos inchables, sobre todo a cativada, e participaron nun circuíto de habilidades. E mentres a maioría se divertía, Isabel Míguez, avoa dun neno do colexio, e Sandra Botana, nai de dous xemelgos de primaria, estiveron facendo filloas que en canto saían do filloeiro desaparecían do prato do boas que estaban.
E para os ‘menos amantes’ deste manxar típico do Entroido, Churrería Sandra, de Pontecesures, tiña outras opcións, moi demandadas tamén por grandes e pequenos.
Os vistosos e variados disfraces cos que acudiron a maioría dos asistentes, axudaron a que a festa fose un éxito. Dende a directiva da ANPA trasladan o seu agradecemento a todas as persoas que participaron e fixeron posible esta iniciativa.