Ata o vindeiro venres, 30 de abril ás 24.00 horas, o alumnado e as familias de centros de Primaria, Secundaria e Bacharelato poderán participar na terceira edición do concurso Fotografías pola Igualdade que organiza a Federación Galega de ANPAS Compostela. Dende a ANPA do CPI Camiño de Santiago animamos a todas ás familias e alumnado a participar enviando imaxes de como ven a igualdade.

Con este concurso, dende a FANPA Compostela quérese promover á reflexión e permitir que o alumnado ou as súas familias dos centros de primaria, secundaria e bacharelato amosen nunha imaxe como ven a igualdade en calquera ámbito da vida e promover a reflexión.

Para poder participar no concurso hai que enviar una fotografía, en formato JPEG, TIF ou PNG de máxima calidade (cun tamaño inferior aos 10 Mb) ao enderezo electrónico anpascompostela@gmail.com. Cada participante só poderá enviar unha imaxe, que deberá incluír un título e un pequeno texto descritivo.

As fotografías deberán ser orixinais e inéditas, e non poden ter sido premiadas en concursos anteriores nin publicadas en ningún tipo de soporte.

Haberá premios para as tres mellores fotografías en cada categoría, que consistirán nun diploma, impresión da foto e 100, 75 e 50 euros en cheques agasallo de material escolar para o alumnado. Na categoría de familias non hai dotación económica. O prazo remata ás 24.00 horas do 30 de abril de 2021. As bases íntegras do concurso pódense consultar neste enlace (preme aquí).