Os nenos e nenas dos grupos de teatro da ANPA CPI Camiño de Santiago representarán hoxe de novo as tres obras que xa puxeron en escena o pasado sábado, cun grande éxito entre o numeroso público asistente. A representación de hoxe será as 13.00 horas no salón de actos do Centro Sociocultural Luis Seoane.

Os cativos participantes na actividade de teatro que organiza a ANPA serán os protagonistas das actuacións para as que levan preparándose durante moito tempo. ‘Os catro dormidiños’, ‘Parque circo’ e ‘O deente’ son os nomes das pezas teatrais onde se poderá observar as dotes artísticas dos nenos e nenas, baixo a dirección de Helena Hernández, a mestra de teatro. 

A obra ‘O deente’ trátase dunha obra orixinal creada polos alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria do CPI Camiño de Santiago.

Na representación do pasado sábado na casa de cultura, os actores e actrices recibiron unha grande ovación do numeroso público asistentes, que, por momentos, escachou a risas. O sabor de boca foi tan bo que moitos dos artistas xa están esperando poder repetir as clases de teatro o vindeiro curso para mellorar as súas dotes de interpretación.