Os momentos de aprendizaxe, de lecer, de risas e de convivencia fixeron da excursión ao parque Corax Fauna en Paderne e a Pontedeume unha cita inesquecible.
A viaxe organizada pola ANPA do CPI Camiño de Santiago o sábado 25 de maio cumpriu co obxectivo de facer deste día unha xornada de aventura e de descubrimento na que a cativada e as súas familias coñeceron a un corvo que ‘falaba’, unha cadela que estaba a criar un tigre e como o director de Corax Fauna peitea ao león todos os dias.
A xornada comezou cunha visita guiada polo parque, onde os participantes tiveron a oportunidade de observar de preto máis de 50 especies diferentes de animais. Os que máis chamaron a atención dos pequenos e pequenas foron os leóns, os tigres, os suricatos, as aguias e os monos. A presenza dun guía experto permitiu aos asistentes coñecer as historias e as peculiaridades de cada animal, ademais de aprender sobre os programas de conservación que se levan a cabo no parque.
Despois desta interesante visita, o grupo gozou dun tempo de descanso para xantar nos merendeiros do propio parque e participou nun Taller Educativo no que tanto menores como adultos puideron poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a visita.
Visita a Pontedeume
A seguinte parada da excursión foi o Castelo de Andrade en Pontedeume. Por mor do retraso na visita a Corax Fauna, non se puido realizar a visita tal e como estaba previsto pero aínda así, visitouse o Torreón dos Andrade situado no casco histórico de Pontedeume. O grupo tamén deu un paseo por esta fermosa vila antes de regresar a casa.
A xornada foi todo un éxito, e desde a ANPA do CPI Camiño de Santiago agradecemos a todos os participantes a súa asistencia e entusiasmo, así como ao equipo do Parque Corax Fauna a súa hospitalidade e a súa excelente organización. Tamén damos as grazas ás familias pola súa comprensión e colaboración ante os imprevistos.