A ANPA do CPI Camiño de Santiago vén de lanzar unha enquisa para consultar entre as familias asociadas cales son as actividades extraescolares que espertan un maior interese de cara a completar a formación do alumnado e, deste xeito, conformar a oferta de cara ao curso 2022-2023.

A enquisa en liña da Asociación de Nais e Pais permite elixir entre un total de dez actividades educativas, deportivas e culturais dirixidas a ao alumnado: artes plásticas, ballet, clases de apoio, cociña, informática, karate, robótica, teatro, xadrez e zumba e baile moderno. A estas habería que sumar a Escola de nais e pais, enfocada a axudar aos proxenitores a dar resposta ás problemáticas infantís coas que se enfrontan día a día.

Trátase dun cuestionario elaborado en base á programación ofertada en cursos anteriores e que non pretende ser limitativo, posto que ofrece a posibilidade de engadir actividades alternativas ás propostas (indicándoas na opción ‘Outras’ do formulario).

Con esta iniciativa a ANPA do CPI Camiño de Santiago busca pulsar a opinión das familias do centro para elaborar así unha completa oferta de actividades extraescolares que cubra as necesidades e os intereses de todo o alumnado no vindeiro curso.